- Mulleres de Seu pídelle á Xunta que defenda á muller rural e afonde na igualdade de oportunidades como liña estratéxica para loitar contra o despoboamento do rural
- As mulleres da nosa cooperativa envían cartas a distintas personalidades galegas baixo a lenda “Apoiar as mulleres gandeiras é apoiar o campo”
- Os datos amosan que máis do 75% dos proxectos do rural son levados a cabo por mulleres, de cuxas ganderías procede máis do 50% do leite da cooperativa
A asociación Mulleres de Seu, integrada por socias gandeiras da nosa cooperativa CLUN, enviará cartas personalizadas ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e aos seus conselleiros e conselleiras para solicitarlles que defendan á muller rural e afonden na igualdade de oportunidades como liña estratéxica para loitar contra o despoboamento do rural galego e como aposta polo futuro do campo. Unhas misivas que tamén chegarán a máis de 60 persoas de influencia galega entre as que tamén están cooperativas, concellos e asociacións.
Carmen Rodríguez, presidenta de Mulleres de Seu e vicepresidenta de CLUN, asegura que “a defensa das mulleres rurais e da igualdade de oportunidades é o que vai facer que o rural teña futuro. Por iso imos enviar estas cartas, porque o papel das mulleres no rural debe ter presenza en todos os despachos de Galicia”.
A presidenta de Mulleres de Seu explica que “son moitos os datos que resaltan a muller como unha figura esencial no rural: levamos a cabo máis do 75% dos proxectos do rural, o 20% das mulleres rurais estamos inmersas nalgunha fase de emprendemento e máis do 50% do leite co que traballamos en CLUN procede de ganderías lideradas por mulleres”.
Apoiar ás mulleres gandeiras é apoiar o campo
Por iso, as cartas serán enviadas nun paquete que, baixo o lema “Apoiar as mulleres gandeiras é apoiar o campo”, incluirá tres produtos lácteos da cooperativa das marcas Únicla, Clesa e Feiraco. E unha caneca de agasallo co logo de Mulleres de Seu. Foron as propias gandeiras as encargadas de preparar estes paquetes, que levan ademais unha nota asinada por cada unha delas.
O obxectivo desta iniciativa é facer un chamamento a todas as personalidades para que se lle siga dando cada vez máis visibilidade e recoñecemento ás mulleres dentro do sector agrogandeiro. Por iso, e como mostra de apoio ás mulleres rurais, dende Mulleres de Seu instarán aos destinatarios destas cartas a que compartan unha fotografía da carta ou do paquete nas súas redes sociais, cos cancelos #IgualdadeMulleresRurais #MulleresDeSeu #GandeirasPolaIgualdade.
Plan de Igualdade de CLUN
CLUN está totalmente comprometida coa igualdade, ten implantadas políticas avanzadas de Igualdade dende marzo de 2018, con tres obxectivos fundamentais: apoiar ás familias, promover a igualdade de oportunidades e facilitar a conciliación.
A través dun conxunto ordenado de medidas encamiñadas a acadar a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres da cooperativa, así como eliminar calquera discriminación por razón de sexo.
Neste sentido, CLUN confórmase como unha organización integradora que promove a implantación de accións sociais, baseadas no respecto e o compromiso, que abarcan aspectos tan importantes como o apoio profesional e familiar, a estabilidade e calidade no traballo ou o respaldo a posibles vítimas de violencia de xénero.
A conciliación laboral e familiar é tamén unha das principais preocupacións da cooperativa, facilitando a flexibilidade horaria de nais e pais, ofrecendo axudas para gardería ou facilitando licenzas ou permisos especiais para actividades sociais.
Mulleres de Seu
Mulleres de Seu é unha agrupación de mulleres gandeiras da cooperativa que naceu no 2013 para fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural. Está integrado por un grupo interxeneracional de mulleres gandeiras, socias de CLUN, que viven e traballan en zonas rurais de Galicia.