FEIRACO

Fundada en 1968 na comarca do Barcala, Feiraco é unha cooperativa de gandeiros galegos convertida hoxe en todo un referente no sector lácteo de Galicia. Con sede en Ames, A Coruña, produce, recolle e comercializa leite de vaca e produtos derivados procedentes unicamente das explotacións dos socios gandeiros de CLUN, a quen garante todos os servizos necesarios para que desenvolvan a súa actividade.

Os inicios de Feiraco remóntanse a 1968 cando 400 gandeiros do val do Barcala, unha zona deprimida do interior da provincia da Coruña, decidiron contribuír activamente ao desenvolvemento económico e social da comarca. Ao longo da súa historia, máis de 10.000 socios formaron parte da familia Feiraco.

O leite Feiraco procede unicamente das granxas dos socios de CLUN, situadas en 18 municipios concentrados na área de influencia das comarcas coruñesas de Santiago, Ordes e Arzúa. A proximidade xeográfica das súas gandarías favorece a calidade e a trazabilidade dos seus produtos, así como o coidado da contorna. Ademais, as súas granxas apostan por modelos de xestión sustentable e políticas de innovación e seguridade alimentaria que garanten a calidade de todos os produtos desde a orixe.

OS IRMANDIÑOS

Localizada no municipio lucense de Ribadeo, Os Irmandiños nace en 1976 cando un grupo de 70 gandeiros dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá e Foz decidiron construír unha fábrica de penso para abastecer as súas explotacións, principalmente de vacún de leite, prescindindo das casas comerciais que neses momentos cubrían o mercado nunha relación calidade-prezo non favorable para as súas explotacións. Os Irmandiños inicia a súa actividade en 1978 e incrementa rapidamente o seu número de socios, chegando á actualidade a máis de 1.000 e presenza nuns 40 municipios de Lugo e Asturias.

Neste período de expansión non só creceu a actividade de fabricación de concentrados, senón que se puxeron en marcha múltiples actividades e servizos encamiñados a cubrir todas as necesidades das explotacións dos seus socios. Entre estes servizos destaca o parque de maquinaria que comezou a súa andaina en 1992 e que aos poucos se ha ir consolidando como servizo de referencia agraria. Hoxe en día, a comercialización de gando, a tenda agraria ou a alimentación complementaria fan de Os Irmandiños un claro modelo de diversificación na contorna rural ao servizo dos gandeiros.

MELISANTO

Situada no concello coruñés de Melide, Melisanto naceu en 1979 da iniciativa dun grupo de agricultores e gandeiros dos municipios de Melide, Santiso e Toques cos seguintes obxectivos fundacionais: adquirir produtos para as explotacións agrícolas e gandeiras dos socios, comercializar as producións, elaborar pensos compostos para o gando e, en xeral, servizos a socios para a mellora integral das súas explotacións. Ademais, como actividade complementaria, contemplábase tamén o abastecemento de produtos para o consumo humano. Aquela experiencia cooperativa derivou na actualidade nunha masa crítica de máis de 600 socios e liñas de negocio en segmentos como a fabricación de penso e a comercialización de leite ou de animais de vacún que operan coas máximas de calidade, seguridade e eficiencia.