- As exportacións da nosa cooperativa incrementáronse nun 50%, chegando os seus lácteos a 60 países dos cinco continentes.
O pasado venres 28 de xullo celebrábamos na nosa sede de Ames a Asemblea Xeral ordinaria de socios e socias na que se aprobaron por unanimidade as contadas relativas ao ano 2022.
Os resultados indican que a cooperativa bateu o seu récord de facturación consolidada e superou os 240 millóns de euros en vendas, un 27,4% máis que no exercicio anterior. Ademais as contas reflexan un aumento do EBDITA consolidado dun 42%, que se achega aos 5 millóns de euros.
No transcurso da Asemblea proxectouse un saúdo do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen transmitiu “o orgullo de Galicia polo traballo que CLUN fai cada día desde o rural e polo rural galego, ofrecendo produtos lácteos da máxima calidade aos consumidores”.
Nos dous últimos anos a cooperativa investiu preto de 17 millóns de euros para aumentar a súa sostibilidade e capacidade de transformación
O director xeral da nosa cooperativa, Juan Gallástegui, foi o encargado de presentar o balance. Explicou que, “a pesar da inflación e das consecuencias provocadas polo ataque de Rusia a Ucraína, este crecemento débese á renovación e á capacidade de anticipación da cooperativa, que nos dous últimos anos investiu preto de 17 millóns de euros para aumentar a súa sostibilidade e capacidade de transformación”.
Gallástegui destacou así mesmo a aposta da cooperativa pola profesionalización na xestión e a captación de talento, a innovación tecnolóxica, o desenvolvemento de novos produtos e unha estratexia na adquisición de materias primas que permitiu conter a suba do seu custe aos socios e socias da cooperativa. En relación a este aspecto salientou que “para CLUN son tan importantes unhas boas contas de resultados da cooperativa como as que presentamos, como as contas dos gandeiros”, sinalou Gallástegui, que destacou que esta cooperativa galega marca a diferenza cos seus competidores en que “non é unha empresa que se vale dun sector, senón un sector que se fai valer a través dunha empresa”.
“Somos a garantía de que en Galicia vai haber un sector lácteo propio e non nos convertemos simplemente nunha fonte de recursos a esquilmar”, engadiu o director xeral, que mostrou a súa confianza en que a Xunta de Galicia apoie decididamente ás empresas galegas do sector porque son as que repercuten os seus ingresos no propio rural galego sen levalos fóra da Comunidade e defendeu tamén que o Goberno de España debe incluílas no Perte Agroalimentario.
O valor dunha cooperativa que desenvolve todo o seu proceso de produción en Galicia
Gallástegui puxo en valor que unha cooperativa galega como CLUN, que tutela e desenvolve todo o proceso de produción integramente en Galicia, sexa capaz de competir en termos de calidade con calquera multinacional foránea, que operan dentro e fora da Comunidade, e que estea a chegar a máis consumidores e tamén de máis países. No 2022, os lácteos de CLUN vendéronse en 60 países de todos os continentes e as exportacións aumentaron un 50% con respecto ao exercicio anterior.
O director xeral mostrou a súa plena confianza no futuro de FEIRACO, CLESA y ÚNICLA e destacou que “A cooperativa seguirá progresando en novos procesos, produtos, alianzas e mercados para seguir mellorando os resultados da cooperativa, “tanto en termos financeiros como en termos de economía social”.
Pola súa parte, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, puxo de relevo o papel decisivo que a cooperativa desenvolve no rural galego, coa súa presenza e actividade en máis de 80 concellos, e como a progresiva renovación na xestión está a traer resultados positivos para as socias e socios gandeiros, pese as dificultades do contexto actual.