Que o leite é un alimento básico e que achega moitos nutrientes é algo que CLUN ten claro desde os seus inicios. E que o mellor leite de vaca é galego, tamén. Unha afirmación que corrobora o recente estudo publicado pola OCU no que as tres marcas de leite da nosa cooperativa (Clesa, Feiraco e Únicla) destacan entre as seis primeiras mellores do mercado nacional. Unha clasificación que é o resultado dunha cata realizada por un xurado experto.
As nosas marcas entre as seis mellores a nivel nacional
Así, Clesa ocupa o segundo posto do ránking, mentres que Feiraco está no cuarto e Únicla no sexto. O devandito estudo, realizado por un panel de cinco xuíces técnicos e expertos en leite, valorou a cor, a homoxeneidade, o olor, o sabor, o corpo e a persistencia das 37 marcas de leite con máis presenza no mercado de España.
As calidades que tivo en conta este xurado foron: a presentación en brick, o prezo e tamén características como o certificado de benestar animal, o etiquetado, o valor nutricional, o tratamento térmico, a hixene, a degustación… En todos estes apartados, Clesa, Feiraco e Únicla obtiveron unhas altas valoracións por parte do xurado, que destacou o seu excelente valor nutricional, e no caso de Clesa, a súa extraordinaria relación calidade-prezo.
A calidade do noso leite
O leite galego parte dun nivel de excelencia dun 70%, superior nun 10% á media nacional. No caso concreto do leite elaborado por CLUN conta cunha calidade hixénica sanitaria excepcional, á que se suma o certificado de benestar animal que certifica que as vacas teñen unha boa alimentación, un bo aloxamento nas granxas, saúde, así como un comportamento axeitado. Uns parámetros que CLUN ten no seu ADN cooperativista.