- Os novos envases para as marcas Feiraco e Únicla, que estarán no mercado esta semana, destacan pola súa alta innovación, fácil manexo e práctico sistema de encartado que favorece a reciclaxe do produto
- Trátase do primeiro envase Pure-Pak® Sense Aseptic para lácteos de longa vida en todo o sur de Europa, procedente de bosques sustentables
- CLUN destina máis de 3,2 millóns de euros a este lanzamento na súa aposta por ofrecer unha mellor experiencia de consumo e a solidez da integración cooperativa
Ponte Maceira, 09 de outubro de 2017.-
A cooperativa de segundo grao Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), nacida da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, revoluciona o packaging dos lácteos co lanzamento do seu novo envase para os leites Feiraco e Únicla. Dispoñible no mercado a partir desta semana, o novo formato de Elopak Pure-Pak® Sense Aseptic, primeiro para lácteos de longa vida no sur de Europa, posúe características altamente innovadoras que facilitan o seu uso, favorecendo a vertedura e evitando o goteo. Ademais, contribúen á reciclaxe do produto grazas ao seu práctico sistema de encartado; e proceden de bosques sustentables, fieis á responsabilidade ambiental de CLUN.
Trátase, por tanto, dun formato novo e singular dentro da categoría de leites en España que denota maior frescura e naturalidade ao ser o envase por excelencia do produto fresco.
Os novos e innovadores envases utilizaranse para toda a gama de produtos das marcas Feiraco e Únicla, obedecendo á aposta da cooperativa pola innovación visual e funcional, dirixida a mellorar a experiencia de consumo. Un investimento de máis de tres millóns de euros sitúa esta operación como o primeiro gran paso de CLUN desde o seu nacemento, o pasado mes de xaneiro.
O lanzamento dos novos envases enmárcase nunha ampla campaña de difusión en punto de venda e en diferentes soportes e canles informativas, tanto tradicionais como dixitais, e en diversos formatos (insercións publicitarias, anuncios, guías audiovisuais, etc.), activa desde este mesmo mes de outubro.
Sobre CLUN
A cooperativa de segundo grao CLUN nace en xaneiro de 2017 da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego. Aliñado cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación. CLUN comercializa as marcas Feiraco, Únicla e Clesa.
Sobre Elopak
Elopak-empresa norueguesa propiedade do Grupo Ferd (un dos grupos industriais privados máis grandes de Noruega) – é un provedor líder en solucións de envasado de cartón complexo para alimentación líquida.
Tras 60 anos de continua expansión e crecemento, Elopak é na actualidade unha corporación global que opera con clientes en máis de 80 países. Ademais, o Grupo Elopak busca desenvolver continuamente a súa oferta de produtos co obxectivo de adaptarse ás demandas cambiantes do mercado. http://www.elopak.com/
Establecida en España desde 1981, Elopak ofrece aos seus clientes servizos tanto comerciais e de mercadotecnia como un servizo técnico completo.
to