Transparencia na cadea de valor, reforzo da industria e producións sostibles, tarefas de CLUN para competir no mercado lácteo mundial
- Principais deberes que se ‘impón’ o director xeral de Unión de Cooperativas Lácteas, José Luís Antuña, no cumio gandeiro celebrado hoxe en Santiago con asistencia de 1.000 gandeiros
- “CLUN é o espazo de futuro do sector lácteo galego e respondemos aos retos desde a economía social e o cooperativismo”, mantén Antuña. “Que os nosos socios sexan rendibles e garantir o seu futuro sendo un actor global dos mercados é o que quere CLUN”, asegura o seu presidente, José Ángel Branco
- Mercado lácteo internacional, futuro nunha contorna treboenta, produción de forraxes, eficiencia e sustentabilidade centraron o debate da Xornada
- O presidente da Xunta inaugurou a Xornada e a conselleira de Medio Rural foi a encargada de clausurala
A cooperativa de segundo grao Unión de Cooperativas Lácteas (CLUN), nacida da integración de Feiraco, Vos Irmandiños e Melisanto, reuniu hoxe en Compostela, na súa I Xornada Técnico Económica, preto de 1.000 gandeiros para analizar o futuro do sector lácteo desde unha perspectiva global baixo o título ‘Explotacións Lácteas Galegas. Visión 2025’. A xornada, que contou ademais cunha nutrida representación institucional local e autonómica, estivo inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e clausurada pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.
A cita abordou diversas cuestións tecnico-económicas de carácter estratéxico para os socios de CLUN á hora de exporse ao seu futuro, como a eficiencia do rabaño, produción de forraxes, produtividade da man de obra e, sobre todo, as perspectivas do mercado lácteo desde a actualidade ata o horizonte 2025 nun contexto sen cotas. Nesta contorna, expertos de referencia confrontaron puntos de vista co fin de orientar as explotacións a ser sustentables, eficientes e competitivas no mercado internacional.
Expertos de referencia a nivel europeo
Nesta primeira Xornada impulsada por CLUN, herdeira das citas anuais de Feiraco, participaron expertos como Sophie Helaine, xefa de Unidade Adxunta do EU Milk Market Observatory, que analizou as perspectivas do mercado lácteo no contexto europeo e internacional e o catedrático Carlos Buxadé, co relatorio ‘O futuro do vacún de leite nunha contorna treboenta’. A continuación, o director técnico Rancho As Neves, o asesor José Luís Juaristi, deu as claves do éxito na produción leiteira do futuro, e o experto Bernard Andrieu, technical manager de Lallemand Animal Nutrition, analizou o reto de producir forraxe no horizonte 2025.
Na sesión de tarde, moderada polo responsable da área de vacún de leite de MSD Animal Health, Anxo Revilla, tivo lugar a mesa redonda co título ‘Explotacións de vacún de leite: eficiencia, sustentabilidade e futuro’, na que compartiron posturas gandeiros responsables das explotacións San José de Huesca (José María Pont Camps) e Casa Reigada de Lugo (José Carlos Veiga), ademais de expertos veterinarios do sector como Juan José Vizuete, director de Alpavet servizos veterinarios; ou Benigno Fernández.
Eficiencia, calidade, innovación e internacionalización
Son os eixos sobre os que debe asentarse a produción láctea nos mercados globais aos que a resposta, en palabras do director xeral de CLUN, José Luís Antuña, “só pode ser a unión cooperativa e a economía social. Desde esta perspectiva organizamos a nova cooperativa de segundo grao con seis direccións, tres transversais (persoas-responsabilidade social, recursos económicos e sistemas de información) e tres de negocio (campo e explotacións, lácteo e alimentación animal) para facer de CLUN o espazo de futuro do sector lácteo galego”, apuntou. Coa mirada noutros modelos europeos que souberon facer coincidir intereses de miles de gandeiros, debemos enfrontar o futuro sabendo que o leite non é un produto rexional, senón unha materia prima global cuxo prezo fíxao o mercado, aspecto no que temos de exercer un mellor control económico financeiro das explotacións, ademais de acometer procesos de mellora na seguridade alimentaria, a sanidade animal e o manexo”.
“Galicia ten condicións para consolidarse como a principal potencia láctea de España, con papel relevante na UE nun contexto sen cotas”, sostén o director xeral, pero con deberes: “ir a producións menos intensivas, de leite con maior contido en graxa e proteínas, os sólidos lácteos indispensables para a industria de derivados; proporcionar ferramentas de xestión e transparencia á cadea, con avances da lei española e transposicións do paquete lácteo que se van consolidando; reforzar a industria láctea con novas alianzas de dimensión global; ou adaptar os produtos a un consumo envorcado coa saúde e os lácteos como fundamento da alimentación saudable”.
Maior dimensión para mellor rendabilidade das explotacións galegas
O presidente de CLUN, José Ángel Branco, defendeu a integración cooperativa e o proxecto CLUN como exemplo para competir en mercados internacionais “influíndo nas políticas agrarias europeas, presionando para garantir a transparencia dos mercados e protexendo a cadea de valor de prácticas comerciais ilícitas. A dimensión que adquirimos permitiranos volcar o coñecemento e a experiencia nun proxecto estratéxico que contribuirá á sustentabilidade da produción láctea galega”. CLUN, cos seus 3.600 socios e 400 millóns de litros de leite, “quere que os nosos socios sexan rendibles e garantir o seu futuro como un actor determinante nos mercados, completando a industrialización da produción, dando o salto do analóxico ao dixital, desenvolvendo produtos que a sociedade reclama e ocupando un lugar de valor no mapa mundial. O apoio sen fisuras que recibimos da Administración e forzas políticas e sindicais do sector, ademais do núcleo duro de gandeiros, fainos mirar ao futuro con verdadeiro optimismo”, asegurou.