

<<Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación>>
GALAC:
TECNOLOXÍAS PARA DETECCIÓN RÁPIDA E CONTROL DO IMPACTO DAS MICOTOXINAS NA NUTRICIÓN ANIMAL DE GALICIA
Obxetivo: CLUN, en agrupación e colaboración con importantes empresas do sector, finalizou con éxito o ambicioso proxecto de I+D titulado “TECNOLOXÍAS PARA DETECCIÓN RÁPIDA E CONTROL SECTORIAL DO IMPACTO DAS MICOTOXINAS NA NUTRICIÓN ANIMAL EN GALICIA (GALAC)”. Este proxecto foi seleccionado para recibir unha axuda económica no programa CONECTA PEME para fomentar a colaboración pública-privada a través de proxectos de investigación e desenvolvemento en cooperación entre pemes, en áreas estratéxicas para a Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O obxectivo principal deste proxecto céntrase en mellorar de forma significativa o control sobre micotoxinas en alimentación animal e as producións gandeiras en Galicia mediante tres eixos de actuación: i) ampliar as micotoxinas investigadas mediante o desenvolvemento dun novo método de análise simultánea dun elevado número de micotoxinas e os seus metabolitos en materias primas e en forraxes e a súa relación cos problemas gandeiros, ii) validar sistemas rápidos de avaliación de micotoxinas mediante NIRS para a súa potencial implementación de maneira sistemática no control de materias primas por parte de gmp.galis en porto ou en plantas de mesturas comunitarias para vacún, e controlar dunha maneira moito máis eficaz a posibilidade de exposición da gandaría galega a micotoxinas e iii) desenvolver un método de avaliación da exposición de gandarías de leite a zearalenona mediante a análise en leite. O proxecto foi liderado por SANOR, microempresa pertencente a AGAFAC, asociación de representantes do sector da produción de pensos en Galicia, que centra os seus obxectivos en mellorar e garantir en todo momento a seguridade alimentaria en Galicia controlando de forma sistemática as materias primas utilizadas polos fabricantes de penso asociados, e un sistema de alerta rápida por se algún resultado obtido excede o lexislado ou o recomendado nunhas especificacións internas. Como socios, participaron CLUN dedicada tanto á fabricación de pensos compostos, subministración de materias auxiliares e servizo técnico para o asesoramento en alimentación nas gandarías de vacún de leite dos socios, tratando de buscar os sistemas de manexo máis adecuados, e a empresa NORESGA, cunha ampla experiencia en servizos de análises na área agroalimentaria e ambiental. Para o desenvolvemento das diferentes actividades colaboraron diferentes organismos de investigación: a Unidade de Servizos Xerais de Apoio á Investigación da Universidade da Coruña (XSAI-UDC), con experiencia no emprego de técnicas cromatográficas para a análise de diferentes tipos de mostras, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), especializado na investigación enfocada á alimentación en ruminantes e o Centro Tecnolóxico Galego de Acuicultura CETGA, con alta experiencia na detección de contaminantes grazas ao enorme potencial do seu laboratorio de microbioloxía e parasitoloxía e ao completo laboratorio de cromatografía.
O desenvolvemento deste proxecto está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación e cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (OT 1. “Promover o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e unha investigación de calidade”).
Data de inicio: 10/02/2016 Data de fin: 30/11/2018
Ayuda concedida: 87.735,83€


