As vacas de leite son moi sensibles á calor e rapidamente entran en estrés. Este estrés ocasiona unhas perdas cuantiosas nas explotacións, debidas principalmente a unha gran baixada na produción de leite a curto prazo, ademais de levar parello outros problemas de reprodución e saúde que se van a poder observar a medio e longo prazo.
Hai que coñecer perfectamente como se comporta a vaca fronte ao incremento térmico para poder reducir ao máximo as perdas. Se coñecemos como perde calor a vaca, axudarémola a poder facelo.
Que é o estrés por calor?
O estrés por calor é resultado da incapacidade das vacas de disipar suficiente calor para manter a homeotermia.
Prodúcese cando a temperatura efectiva que exerce o medio ambiente excede da zona térmica neutra da vaca, que se estima que está entre os 5 e os 27 graos centígrados, se ben, depende moito da humidade relativa.
Que o provoca?
Os factores que provocan o estrés por calor son a temperatura ambiental, a humidade relativa, a enerxía radiante (raios do sol) e o calor metabólico.
Cando estes factores aumentan, increméntase a temperatura corporal do animal e inícianse mecanismos compensatorios para reestablecer a homeostasis.
Estes reaxustes para manter a homeotermia son mecanismos de adaptación, poden ser favorables ou desfavorables para os intereses económicos dos gandeiros, sen embargo, son indispensables para a supervivencia das vacas.
As súas consecuencias?
O maior impacto do estrés por calor en vacas de leite é a perda de produción láctea e a disminución dos parámetros reproductivos.
“Actualmente, o estrés por calor do verán é considerado como a causa número un de perdas económicas no sector leiteiro a nivel mundial (máis ca mastitis e a fertilidade)”. – Prof. N.St. Pierre, Economist, Ohio State University St. Pierre, 2003, J. Dairy Sci. 86: (E52 E77)
O estrés por calor produce perdas na produción de leite de entre un 10 e un 30%. Ademais tamén pode producir un incremento en células somáticas no leite, unha baixada da tasa de concepción (0-30% units.) , a perda na detección de celos (50%), un aumento na tasa de descarte (10-15%), a disminución de eficiencia nutricional (5-15%), un aumento da tasa de problemas de saúde xeral e da saúde da ubre e un aumento da tasa de mortalidade en tenreiros (5-10%).
Mecanismos de adaptación
Existen certos mecanismos de adaptación ante estes cambios de temperatura como son: a reducción da inxesta de alimento, o aumento do nivel metabólico, o incremento da temperatura corporal, maiores necesidades de mantemento e a alteración dos niveis endocrinos.
Estratexias de manexo para reducir o estrés por calor
Unha das estratexias clave é a mellora do manexo nutricional: un manexo do comedeiro con máis arrimos de comida, a humidade da ración de alimento (entre un 45-50%). Tamén é fundamental fixarse nos horarios de alimentación, aproveitando as horas máis frescas do día e a frecuencia de administración, é recomendable realizar máis dun unifeed ao día. Tamén, debemos incrementar a densidade das racións, as vacas comen menos e debemos aumentar a densidade das dietas. É importante tamén unha revisión da alimentación mineral e por suposto, ter á súa disposición auga abundante e limpa.
Por outro lado tamén é aconsellable realizar modificacións físicas do ambiente: zonas de sombra, ventilación forzada e nebulizadores de alta presión.
Outra das estratexias tamén é o desenvolvemento xenético de razas máis resistentes ao estrés por calor: crossbreeding.
En resumo, manter frescas ás vacas é fundamental e vai a proporcionar un bo retorno de todas as nosas inversións en sistemas antiestrés, xa que fai que as vacas estén máis cómodas, facéndoas así máis productivas.
As vacas lactantes, as secas e as novillas deben ter acceso a sombra e auga fresca en todo momento.
Os dispositivos de arrefriamento tamén deben estar instalados nas salas de espera e corrais de vacas secas se é posible.
A ración debe estar axeitadamente equilibrada e, en xeral, a densidade de enerxía debe aumentarse no verán para axudar a compensar a disminución da inxesta de materia seca.
-José Alfonso Goris, veterinario da cooperativa CLUN