O prazo de inscrición para a formación remata o 5 de xullo
Son xa IV e V edición das Escolas organizada pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) e o Club de Xóvenes Gandeiros
CLUN, dentro da súa vocación de apoio ao futuro da gandería galega, patrocina a cuarta e quinta edición das Escolas de Iniciación de Futur@s Gandeir@s, xunto con FEFRIGA (Federación de Frisona de Galicia) e a Deputación de Pontevedra. Esta actividade, organizada por FEFRIGA (Federación de Frisona de Galicia) e o Club de Xóvenes Gandeiros, contará cun máximo de 30 prazas por quenda, 60 en total, e está dirixida a mozas e mozos gandeiros (de entre 8 e 25 anos) procedentes de toda Galicia e outras comunidades.
Esta formación de verán desenvolveranse na Finca de Mouriscade, en Lalín, do 26 ao 30 de xullo e do 19 ao 23 de agosto. Unha formación que busca brindarlles os coñecementos prácticos esenciais para o coidado e manexo de animais, ofrecendo aos participantes unha experiencia formativa enriquecedora e ilusionante que contribúa ao fomento das vocacións gandeiras e ao desenvolvemento sostible do sector. Aqueles interesados deberán anotarse antes do 5 de xullo na Federación Frisona Galega (Email: fefriga@fefriga.com). O custo das escolas é de 200 € por persoa e inclúe aloxamento, comida, documentación, material e seguro. Os socios do Club de Xóvenes Gandeiros terán un desconto do 30% no prezo. Os participantes recibirán un diploma ao rematar a escola.
CLUN comprometida co futuro da gandería
Esta é só unha das varias as iniciativas coas que CLUN, a maior cooperativa leiteira de Galicia, colabora co obxectivo de fomentar o relevo xeracional e a creación de profesionais para as ganderías.
Así, recentemente, CLUN e FREFRIGA asinaban un convenio de colaboración para impulsar actividades que acheguen e favorezan o coñecemento e as vocacións gandeiras dos máis novos con iniciativas como a Escola de Xóvenes Gandeiros ou os Certames de Manexo e Preparadores de gando.
No eido máis profesional, CLUN impulsou a creación do primeiro ciclo superior de FP Dual público en “Gandería e Asistencia en Sanidade Animal” de Galicia, en colaboración co IES de Melide. Os alumnos deste ciclo puideron realizar as prácticas nas ganderías socias de CLUN.
Por outro lado, cabe mencionar o proxecto solidario “Hábitat rural”, desenvolto entre CLUN e Ecos do Sur no que dez persoas migrantes seleccionadas por esta ONG participaron en formacións sobre muxido e fixeron prácticas en ganderías da cooperativas. Un programa que facilita a integración de persoas migrantes ao mesmo tempo, que proporciona asistencia profesional para as ganderías galegas.