Da colaboración entre o IES de Melide e CLUN nace a modalidade dual do Ciclo Superior de “Gandería e Asistencia en Sanidade Animal”, o primeiro destas características no ensino público de Galicia.
Presentación oficial do ciclo no IES de Melide
A semana pasada estivemos no IES de Melide na presentación oficial deste novo ciclo superior. Unha presentación na que contamos coa asistencia da secretaria xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.
Na súa intervención, Eugenia destacou que “o Plan Conecta da FP de Galicia procura que a oferta de Formación Profesional se adapte ás necesidades do mercado e tamén do rural. Así, produciuse un incremento do 10% da oferta de formación que ten como obxectivo dar á actividade do rural profesionais que o fagan seguir desenvolvéndose”.
Necesidade de man de obra para mellorar a conciliación e lograr explotacións viables e máis competitivas
Atopar man de obra estable e cualificada é un gran reto ao que se enfrontan as ganderías actualmente, de aí que, este ciclo xogue un papel clave na profesionalización do sector.
“A nosa cooperativa busca, a través da formación, camiñar cara unha gandería galega con maior tecido humano profesionalizado dispoñible.” Así o sinalou durante a presentación desta FP Pablo Costoya, Secretario do Consello Reitor da nosa cooperativa.
O papel de CLUN nesta formación
Este Ciclo Superior comezará o vindeiro curso 2023/2024 e será na nosa cooperativa onde se impartirá a parte práctica da formación. Os alumnos e alumnas formaranse nas ganderías socias xunto co equipo de técnicos e veterinarios de CLUN.
O prazo para inscribirse á FP Dual de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal está aberto ata o 5 de xullo.
Para inscribirse neste ciclo superior ou resolver dúbidas, podes achegarte ou contactar co IES de Melide:
?Avd. Compostela (O Marquiño) Melide
?ies.melide@edu.xunta.es
☎881 866 109