O prazo para solicitar a PAC 2025 está aberto ata o 30 DE ABRIL, segundo a normativa vixente. En CLUN, comprometémonos a facilitarche este proceso ofrecendo asesoramento individualizado para a túa explotación.

O papel clave do asesoramento técnico para unha campaña forraxeira de éxito
Coa campaña de millo en pleno rendemento, dende CLUN poñemos en valor o esforzo dos nosos socios e socias e o acompañamento técnico da cooperativa para garantir a mellor alimentación do gando e, con isto, un leite de máxima calidade. Nunha época decisiva para a produción forraxeira, os servizos agronómicos de CLUN reforzan o noso compromiso de estar ao lado das gandarías en cada fase deste proceso.
Unha boa planificación e o asesoramento técnico axeitado é esencial para obter un forraxe de máxima calidade. A maiores, desde a cooperativa traballamos cun catálogo propio de variedades de millo para dar resposta ás demandas dos socios e socias e poder así adaptarnos ás variedades que reportan maior produtividade en función de cada zona. A experiencia dos técnicos, os datos históricos de rendemento e os ensaios de variedades realizados anualmente son o respaldo da cooperativa para esta elección.
A pesar dos retos do ano pasado, marcado polos temporais, desde CLUN insistimos en que non se pode planificar só en base a excepcións climáticas. A profundidade e densidade de semente, a velocidade do tractor ou mesmo o prognóstico meteorolóxico son variables que os técnicos valoran xunto aos gandeiros para asegurar un crecemento uniforme.
O terreo é un punto moi importante para o desenvolvemento das plantas, polo que en CLUN promovemos técnicas que melloran a estrutura do solo e reduzan a pegada de carbono. Ademais, poñenis a disposición dos socios sementadoras de última xeración.
A fertilización é outro piar desta estratexia. Grazas a ferramentas como FERPLAN, os técnicos da nosa cooperativa deseñan plans de aboado personalizados, garantindo un uso eficiente dos nutrientes e un cultivo equilibrado.
Pola súa parte, o Centro de Alimentación de Gando Vacino (CAVI) segue consolidándose como unha opción clave para moitas explotacións, aliviando a carga agrícola e permitindo que os gandeiros se centren no coidado dos animais. Este ano, prevese que o CAVI xestione máis de 35 millóns de quilos de millo e ata 16 millóns de quilos de herba.
Reafirmamos co traballo diario, os nosos obxectivos: estar ao lado dos socios, con tecnoloxía, coñecemento e compromiso, para seguir producindo un leite excelente e garantindo sempre o benestar animal.