CLUN presentou hoxe a súa nova fórmula xunto á conselleira de Medio Rural, María José…

FEIRACO renova a súa imaxe co campo galego como protagonista
- FEIRACO presenta a súa nova imaxe cun deseño actual, reflexo dos valores da maior cooperativ láctea de Galicia: cooperativismo, rural e naturalidade.
- Unha actualización que será visible nos envases da marca, agora, protagonizados polos gandeiros e gandeiras da cooperativa CLUN
FEIRACO estrea nova imaxe na que o campo galego e as persoas que o fan posible, son as grandes protagonistas. Nesta renovación, os gandeiros e gandeiras da cooperativa CLUN, a maior cooperativa láctea de Galicia, son o foco central, poñendo así en valor o seu traballo e compromiso coa produción dun leite 100% galego, de cooperativa e de calidade.
Fiel á súa esencia cooperativista, FEIRACO reforza con este cambio a súa identidade e aposta pola transparencia e a proximidade cos consumidores. Os novos envases destacan historias reais dos gandeiros e gandeiras da cooperativa CLUN, amosando a cara detrás dos seus produtos e do sector lácteo. Subliñando así a importancia de apoiar ao campo galego.
Un deseño que mira cara ao futuro, sen perder a esencia
“Con este novo deseño, modernizamos a nosa imaxe mantendo a esencia de FEIRACO, á que tantos galegos e galegas lle teñen cariño. Tíñamos claro que algún elemento icónico debía permanecer: a nosa vaca, elemento que acompaña á marca dende a súa orixe, segue presente, pero agora mira cara adiante, simbolizando o futuro”, destacan desde a cooperativa.


Cada novo envase de leite incluirá no seu lateral a fotografía de varios dos máis de 3.000 gandeiros e gandeiras da cooperativa CLUN, con presenza en máis de 80 concellos de toda Galicia, xunto cun pequeno texto sobre a súa historia e a súa vinculación co campo e a gandería. Ademais, incorporarase un código QR para acceder a máis información sobre cada gandeiro, achegando aos consumidores á realidade do sector lácteo galego.
Esta nova imaxe reforza o compromiso da marca coa orixe galega do leite e co apoio ao sector gandeiro, complementándose con outras frases que aparecerán nos envases, como:
- “Mercando este leite, apoias directamente ao campo galego”.
- “100% leite galego de cooperativa rural”.
- “Coidamos cada paso, o mellor da nosa terra”.
- “Propiedade de gandeiras e gandeiros”.

Con esta renovación, FEIRACO reafirma a súa aposta polo cooperativismo e polo leite galego de calidade, achegando aos consumidores unha marca que non só alimenta, senón que conta historias reais do campo e da gandería.
Porque, se algo diferenza á marca láctea é a súa histórica orixe cooperativa, que está agora máis presente, presumindo de quen fai posible que Galicia sexa terra de leite de calidade: gandeiros profesionais, dedicados e responsables co campo.