Skip to content

CLUN aposta polo futuro da gandería a través de “Habita Rural”, formando a migrantes de cinco países

Dende 2023 CLUN traballa coa ONG Ecos do Sur na formación de migrantes en ganderías socias da cooperativa para a súa integración laboral.

CLUN continúa coa súa aposta por proxectos que garantan o futuro do sector da gandería e promovan o medio rural como unha contorna competitiva, innovadora, sostible e saudable para vivir. Por iso, repite colaboración por segunda vez co proxecto “Habita Rural”, xunto coa ONG Ecos do Sur, para a formación e contratación de persoas migrantes. Unha colaboración que xa iniciou en 2023 e que, tras o éxito colleitado, continúa este 2024.

Así, a finais de setembro dez alumnos procedentes de Brasil, Colombia, Marrocos, Ucrania e Venezuela comezaron a súa formación teórica sobre gandería en Galicia. Unha vez rematada esta formación, desenvolveron prácticas en oito ganderías asociadas a CLUN, situadas en Xermade, Ourol e Muras. Ao final das mesmas algúns dos alumnos serán contratados nalgunha das ganderías que participan neste proxecto.

O presidente de CLUN Jose Ángel Blanco Purriños, explica que “búscase ofrecer oportunidades de emprego á vez que se cobren postos de traballo que son necesarios no sector gandeiro, ofrecéndolles un proxecto de vida e traballo no rural galego, unha moi boa alternativa na que todos gañamos”.

A partir de agora, os 10 alumnos porán en práctica nas oito ganderías a parte teórica na que acaban de formarse. Unha formación que incluíu un gran abano de materias dende as relacionadas co mundo empresarial agrario (prevención de riscos laborais, agrotecnoloxía, sensibilización medioambiental ou xestións documentais e de rexistro animal) ata as propias do manexo do gando autóctono, o seu coidado, alimentación e hixiene ou a produción de leite e forraxes.

Revitalizar o rural galego, freando a despoboación e facilitando o relevo xeracional, é o obxectivo do programa “Habita Rural”, no que CLUN participa dende o ano 2023 con moi bos resultados.

Na primeira experiencia da cooperativa con esta iniciativa o programa logrou a integración do 40% dos participantes, superando a media habitual de éxito destes programas que habitualmente está no 20%.

Así, entre setembro e decembro de 2023 cursaron unha formación teórica e despois superaron máis de 400 horas de prácticas en nove ganderías da cooperativa situadas en Xermade, Ourol e Muras. Deles, catro migrantes xa foron contratados e outros dous están á espera de regularización para a súa contratación.

Que é “Habita Rural”?

É un proxecto da ONG Ecos do Sur, que data de 2021, e que busca o asentamento no rural a través da inserción socio laboral de persoas en exclusión nas cidades, en moitos casos migrantes. O devandito programa conta coa financiación da Consellería de Política Social, a Fundación La Caixa e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O proxecto complétase coa creación dunha bolsa de emprego no rural e conta co apoio dun equipo multidisciplinar durante o proceso de implantación.