CLUN aposta polo futuro da gandería a través de “Habita Rural”, formando a migrantes de cinco países
Dende 2023 CLUN traballa coa ONG Ecos do Sur na formación de migrantes en ganderías…
Ponte Maceira, 15 de febrero de 2019.- Máis de 400 gandeiros participaron ao longo desta semana nas primeiras Xornadas Técnicas sobre Recría de Xovencas de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas), que se celebraron nas tres sedes da cooperativa en Ribadeo, Ames e Melide, para coñecer de primeira man os fundamentos do seu innovador programa NOVIPRO.
NOVIPRO é un ambicioso programa deseñado pola Cooperativa CLUN, orientado a obter unha maior rendibilidade na recría de xovencas, un dos aspectos centrais no rendemento das explotacións gandeiras. Así o destacou o director xeral de CLUN, José Luis Antuña, que incidiu na importancia de aplicar métodos eficientes que permitan un desenvolvemento sostible das explotacións gandeiras dos socios, ao que contribúen programas exclusivos postos en marcha pola cooperativa como NOVIPRO, así como os servizos integrais de apoio técnico e o abano de produtos que CLUN pon á súa disposición.
Programa NOVIPRO
Está demostrado que deficiencias na alimentación e no manexo das tenreiras provocan notables perdas na futura vaca, tanto en produción como en estado sanitario. Neste senso, coa finalidade de potenciar o correcto manexo e alimentación animal para optimizar o rendemento da recría de xovencas, os técnicos de CLUN deron a coñecer os aspectos máis destacados do programa dinámico de recría NOVIPRO, que se adapta ás necesidades nutricionais do animal en cada fase do seu crecemento, permite o desenvolvemento do seu potencial xenético e procura que o seu crecemento sexa óptimo e rendible desde o inicio para o gandeiro.
O director da División de Servizos Agrogandeiros de CLUN, Ángel Miranda, recalcou que é clave aplicar un plan de recría eficiente nas explotacións gandeiras, e destacou as fortalezas de NOVIPRO, un programa ofrece solucións operativas e nutricionais e aporta catro grandes vantaxes: repercute positivamente na saúde dos animais e o seu benestar, mellora a rendibilidade, optimiza os recursos e mellora a produción e eficiencia da granxa. Miranda sinalou así mesmo o apoio integral que a cooperativa presta aos socios, cun equipo humano que posúe os coñecementos e as ferramentas necesarios para acompañar ao gandeiro nas diferentes etapas do proceso de recría, para asesoralos na toma de decisións que garantan tanto o benestar animal como o mellor desenvolvemento das xovencas.
No decurso das xornadas, Carolina Tejero, técnico en vacún de leite de MSD Animal Health, tratou os desafíos e as oportunidades que representan as primeiras fases da recría, facendo fincapé na importancia da hixiene e o manexo, coa fin de evitar enfermidades e outros factores que poden darse durante a etapa de lactancia, a etapa na que as crías transforman con maior eficiencia o alimento. Pola súa parte, Alfonso Goris, xefe de Alimentación Animal de CLUN, detallou as estratexias que conducen a obter un plan de recría eficiente, atendendo a todas as fases, dende o período fetal, a lactancia, o destete e toda a fase posterior de crecemento.
Juan González-Vadillo, xefe de Vendas Agrogandeiras de CLUN, explicou durante a súa intervención como todos aspectos claves para a recría de xovencas ao longo de todas as etapas de crecemento están integrados en NOVIPRO, que recolle as estratexias a seguir en cada fase, abordando tamén os produtos de alimentación animal desenvolvidos por CLUN que se recomendan de cara a acadar o máximo desenvolvemento dos animais. E sinalou que dende CLUN se deseñou un programa de recría adaptado ás necesidades do animal en cada fase do seu desenvolvemento, para que o seu crecemento se realice dun xeito óptimo e rendible dende o inicio para o gandeiro.
CLUN, o referente do sector agrogandeiro galego
A cooperativa de primeiro grao CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) nace da unión de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego. Aliñada cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación. Con 3.500 socios e máis de 400 traballadores, CLUN comercializa as marcas Feiraco, Únicla, Clesa, Arquega e Almond Breeze.