Skip to content

CLUN APUNTA A CHINA COMO MERCADO EXTERIOR ESTRATÉXICO, DURANTE A VISITA DUNHA DELEGACIÓN DO XIGANTE ASIÁTICO E O IGAPE Á SÚA SEDE CENTRAL

Encabezada polo conselleiro económico da Embaixada de China en España e impulsada polo Igape, ten como obxectivo presentar a Exposición Internacional de Importacións de China, que terá lugar en novembro en Xangai e na que participará España

 

Pontemaceira, 07 de marzo de 2018.- Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) aposta por China como mercado obxectivo para as súas exportacións e así o explicaron os seus directivos ante unha delegación do país asiático durante a visita onte á súa sede central en Pontemaceira (Ames). Encabezada polo conselleiro económico da Embaixada de China en España, Yingqi Wang e o secretario adxunto Xinyu Yu e impulsada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), tivo como obxectivo presentar a Exposición Internacional de Importacións de China (CIIE), que se celebrará do 5 ao 10 de novembro en Xangai e que contará con presenza española.

 

Durante a visita en Pontemaceira exerceron de anfitrións o presidente de CLUN, José Ángel Blanco, e o director xeral José Luís Antuña, entre outros directivos da Cooperativa, que presentaron aos empresarios chineses os plans de negocio de CLUN a medio prazo, insistindo na presenza dos produtos de Feiraco no xigante asiático.

 

CLUN afianzou lazos con representantes do xigante asiático, un dos mercados clave para as súas exportacións cos produtos de Feiraco como referentes, coa venda de leite e iogures líquidos, principalmente na área de Pequín. As previsións de crecemento son grandes, coa comercialización dos iogures e sobremesas lácteas da marca Clesa e o leite Premium Únicla como obxectivos. Para iso, a Cooperativa traballa en envases e formatos innovadores que permitan alongar a vida dos produtos para superar as distancias entre o mercado galego e o chinés.

 

Unha relación comercial iniciada en 2015

Dentro da aposta de CLUN polos mercados internacionais, China é sen dúbida un dos países que concentra os maiores esforzos desde 2015, coincidindo coa apertura en Shanghai dunha oficina a través do Clúster Alimentario de Galicia, logrando que as negociacións frutificasen co importador de Pequín Zhongqihuaye.

 

En 2016, Feiraco foi unha das sete empresas seleccionadas pola Comisión Europea para asistir a unha misión de alto nivel en China e Xapón e en 2017 os produtos de CLUN destacaron na feira Extravaganza de Shanghai, celebrada en xuño, que contou coa visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do director da División de Lácteos de CLUN, Pablo Gómez. Tamén tivo presenza no evento Food&Hotel China, celebrado en novembro.

 

Sobre CLUN

A cooperativa de segundo grao CLUN nace en xaneiro de 2017 da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego. Aliñado cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación. CLUN comercializa as marcas Feiraco, Únicla, Clesa e os queixos de Arquega.