Skip to content

CLUN, PRIMEIRA LÁCTEA ESPAÑOLA COA CERTIFICACIÓN CARBÓN NEUTRAL NOS SEUS ENVASES PURE-PAK®

  • Os envases Pure-Pak® das marcas Feiraco e Únicla inclúen este selo, que garante a redución a cero das emisións de CO2 no seu proceso de fabricación
  • A cooperativa é, unha vez máis, pioneira coa incorporación deste distintivo, co que deixará de emitir ao redor de 1.650 toneladas de dióxido de carbono ao ano

Ponte Maceira, 30 de Novembro de 2017.- A cooperativa de segundo grao Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), nacida da integración de  Feiraco, Os  Irmandiños e  Melisanto, dá un paso máis na súa política de protección ambiental ao incorporar a certificación Carbón Neutral nos seus novos envases  Pure- Pak® das marcas  Feiraco e Únicla, un distintivo que garante que se lograron reducir a cero as emisións no seu proceso de fabricación.

 

CLUN convértese así na primeira e única empresa láctea en implantar esta práctica sustentable, cuxo obxectivo principal é lograr minimizar o impacto ambiental no proceso de fabricación dos seus envases.  Con esta certificación pioneira, a cooperativa deixa de emitir ao redor de 1.650 toneladas de CO2 ao ano, o que, sumado á redución de máis do 20% en orixe coa mellora do proceso dixestivo das vacas de Únicla, a sitúa como referente empresarial na loita contra o cambio climático. A norueguesa  Elopak é a encargada, en exclusiva, da fabricación dos envases Pure‑Pak® coa certificación Carbón Neutral.

 

Envase revolucionario

Dispoñible no mercado desde o pasado mes de outubro, o novo formato de envase de Elopak Pure- Pak® Sense Aseptic, primeiro para lácteos de longa vida no sur de Europa, posúe características altamente innovadoras que facilitan o seu uso, favorecendo a vertedura e evitando o goteo. Ademais, contribúe á reciclaxe do produto grazas ao seu práctico sistema de encartado; e procede de bosques sustentables, fieis á responsabilidade ambiental de CLUN. Trátase, por tanto, dun formato novo e singular dentro da categoría de leites en España que denota maior frescura e naturalidade ao ser o envase por excelencia do produto fresco.

 

Os novos e innovadores envases utilizaranse para toda a gama de produtos das marcas  Feiraco e Únicla, obedecendo á aposta da cooperativa pola innovación visual e funcional, dirixida a mellorar a experiencia de consumo. Un investimento de máis de tres millóns de euros sitúa esta operación como o primeiro gran paso de  CLUN desde o seu nacemento, o pasado mes de xaneiro.

 

Sobre CLUN

A cooperativa de segundo grao  CLUN nace en xaneiro de 2017 da integración de  Feiraco, Os  Irmandiños e  Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego. Aliñado cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación. CLUN comercializa as marcas  Feiraco, Únicla e  Clesa.

 

Sobre Elopak

Elopak –empresa norueguesa propiedade do Grupo Ferd (un dos grupos industriais privados máis grandes de Noruega)– é un provedor líder en solucións de envasado de cartón complexo para alimentación líquida.

Tras 60 anos de continua expansión e crecemento,  Elopak é na actualidade unha corporación global que opera con clientes en máis de 80 países. Ademais, o Grupo  Elopak busca desenvolver continuamente a súa oferta de produtos co obxectivo de adaptarse ás demandas cambiantes do mercado. http://www.elopak.com/

Establecida en España desde 1981, Elopak ofrece aos seus clientes servizos tanto comerciais e de márketing como un servizo técnico completo.