CLUN aposta polo futuro da gandería a través de “Habita Rural”, formando a migrantes de cinco países
Dende 2023 CLUN traballa coa ONG Ecos do Sur na formación de migrantes en ganderías…
Ponte Maceira, 28 de xaneiro de 2016.- Feiraco, Sociedade Cooperativa Galega, acaba de recibir o Premio Responsabilidade Social Empresarial da Xunta de Galicia. Outorgado anualmente e concedido na modalidade de ámbito social, o galardón recoñece o proxecto Responsabilidade Social en Movemento, deseñado por e para o cadro de persoal da cooperativa láctea, que busca afianzar prácticas responsables en todas as áreas de traballo, niveis de xestión e relacións co entorno a través do diálogo e da interacción continua entre os traballadores. Cos Premios RSE Galicia a Xunta pretende recoñecer as diferentes prácticas de responsabilidade social corporativa de empresas ou centros de traballo galegos.
Para a concesión do premio, o xurando valorou especialmente a creación do emprego de calidade, a diversidade, a integración social, a formación, a acción social e o compromiso coa comunidade local que promove Feiraco nas súas diferentes actuacións.
Números responsables
Na actualidade a cooperativa conta con máis de 2.100 socios (a metade mulleres) e máis de 200 traballadores compoñen o cadro de persoal de Feiraco (o 96% indefinido), dos cales o 28% son mulleres e o 3% corresponde a persoas con necesidades especiais. A actividade de Feiraco, directa e indirecta, serve para xerar máis de 1.000 postos de traballo no agro, permitindo fixar poboación no rural e contribuíndo a crear un benestar social na súa zona de influencia.
No capítulo de formación, en 2014 realizáronse accións formativas por máis de 2.867 horas (un 129% máis que no 2013) e colaborouse con universidades e centros de FP para fomentar o emprego dos seus alumnos a través de prácticas na cooperativa. Conta ademais cun Plan de Igualdade desde 2009 e é merecedora do distintivo de Igualdade na Empresa, do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade; o 27% do Consello Reitor, o 14% da alta dirección e o 25% do equipo directivo son mulleres.
En materia de seguridade alimentaria, conta coa máxima certificación a nivel internacional, a ISO 22000:2005 e en I+D+i desenvolve proxectos de investigación por un valor de máis de 1,4 millóns de euros, dos cales un 42% son investimentos propios.
Compromiso como modelo de negocio
‘Responsabilidade Social en Movemento’ é un programa que Feiraco iniciou en xaneiro de 2014 e mantén activo na actualidade co obxectivo de afianzar a xestión responsable na cooperativa, divulgar o concepto de responsabilidade social , introducilo nas diversas áreas de traballo, capilarizalo entre todos os traballadores que compoñen o cadro de persoal, comezando polo propio equipo directivo, e estendelo a todos e cada un dos niveis de xestión e de relacións co entorno.
A finalidade era fixar o concepto no seo da cooperativa, implementalo de cheo e xerar marca, tanto interna como externa, de acordo cos valores cooperativos, de identidade e de sustentabilidade social e medioambiental. Grazas ao diálogo aberto e á busca de opinións entre os grupos de interese sobre a percepción da responsabilidade social de Feiraco, a cooperativa conseguiu optimizar a xestión de persoas, procesos, procedementos e servizos e trasladar o seu modelo responsable ao conxunto da sociedade.
O proxecto reflicte o compromiso histórico de Feiraco coas persoas (cos socios, consumidores, equipo humano, provedores e demais colaboradores); coa contorna natural, minimizando o impacto ambiental; coa contorna social, apoiando proxectos para mellorar a nosa comunidade; e coa nosa identidade, fomentando a lingua e cultura propias.
Un compromiso que se enmarca na filosofía Alimentando un xeito de ser, que define a Feiraco, reflicte os seus valores constitucionais e se fundamenta en tres piares básicos: a calidade, entendida como excelencia do produto e satisfacción do cliente e do consumidor; a innovación, como resultado do coñecemento aplicado á mellora continua dos produtos, servizos e procesos; e a responsabilidade social con todos os grupos de interese.