CLUN aposta polo futuro da gandería a través de “Habita Rural”, formando a migrantes de cinco países
Dende 2023 CLUN traballa coa ONG Ecos do Sur na formación de migrantes en ganderías…
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2015. – Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2015, adicado este ano á figura do escritor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, a cooperativa leiteira quere sumarse a esta festividade cunha iniciativa literaria de amplo percorrido, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Trátase da convocatoria da IV edición do concurso de relatos breves a través da súa páxina oficial de Facebook.
A presentación tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura da man do presidente de Feiraco, José Montes; do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Filgueira Valverde, José Fernando Filgueira e do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
A campaña complétase ademais coa produción dun packaging especial dun millón de referencias nos liñais de venda, que inclúe a adaptación dun retrato orixinal do intelectual homenaxeado en todos os cartóns de leite e o acceso a un dos seus artigos máis representativos, “O Galego Verdadeiro”, a través do código QR dos briks. Trátase da aportación da cooperativa á hora de contribuír á difusión da cultura galega a través das letras de todos os tempos.
Relatos ‘posteados’
A convocatoria, activa desde hoxe ata o vindeiro 17 de maio, está dirixida a todos aqueles seguidores de Feiraco en Facebook (que xa o sexan ou se fagan), que teñan máis de 18 anos, residan en calquera punto da xeografía española e teñan habilidades para a literatura en lingua galega. Os relatos deberán ser orixinais, o autor non terse presentado a ningún outro concurso de idéntica índole e non deberán superar os 500 caracteres de extensión.
Os gañadores serán os 4 participantes que suban os 4 relatos máis votados á finalización do concurso. O primeiro premio, doado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é a Enciclopedia Galega Universal, obra clave da cultura galega composta por 7.280 páxinas, 200.000 entradas, 30.000 ilustracións recompiladas en16 tomos. Os outros tres gañadores levarán un lote especial Letras Galegas de Feiraco, composto por produtos da cooperativa e outros artigos de carácter lúdico-literario.
Feiraco, o leite que sabe a Galicia
Desde hai máis de 45 anos, Feiraco ten dado reiteradas mostras do seu compromiso con Galicia, tanto nos seus valores e métodos de traballo, tendentes a vertebrar o tecido social e o desenvolvemento económico, como nas actividades con proxección social que puxo en marcha ao longo da súa historia. Exemplo da súa aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional de Galicia é a campaña que protagonizou coincidindo co Entroido, o pasado mes de febreiro, con moi boa acollida entre os consumidores; ou a serie ‘De onde vén o leite?’ pola que lles achegou a realidade dos procesos produtivos a pé de campo a milleiros de escolares de toda Galicia.