Skip to content

Os traballadores de Feiraco solidarios no Nadal

  • Prensa
  • A Cooperativa súmase a esta iniciativa que se enmarca dentro dunha acción social que foi posible grazas ao esforzo e a solidariedade do persoal de Feiraco.
  • Repartindo máis de 1.500 produtos  alimenticios entre as familias máis necesitadas dos concellos da súa bisbarra.

Feiraco e os seus traballadores queren celebrar o Nadal dunha forma especial, cos veciños e amigos que están a atravesar un momento complicado pola grave crise económica que estamos a vivir. O venres 21 de decembro entregarán o seu particular regalo ás familias da súa contorna que están a pasar por unha difícil situación, unha caixa con todo o necesario para a celebrar estas festas tan sinaladas.

A iniciativa naceu no seo do Comité de Empresa de Feiraco, que quixo levar a cabo unha acción social para que as persoas do seu ámbito puidesen ter e compartir cos seus seres queridos algo tan básico como é unha comida digna de Nadal. Con esa finalidade pedíuselle aos compañeiros “un pequeno esforzo” para que colaborasen achegando 10 euros cada un. A Cooperativa pola súa banda comprometeuse a igualar a cantidade recadada entre todos os traballadores da empresa. Durante a semana fóronse sucedendo as doazóns coas que sufragar os máis de 1.500 produtos alimenticios que se repartirán entre aqueles que máis o necesitan, dentro os concellos próximos a Feiraco.

Esta actividade solidaria pon de manifesto o compromiso do equipo de Feiraco e da empresa cos máis desfavorecidos e pretende marcar unha nova liña de axuda social que se repetirá anualmente coincidindo coas datas do Nadal.
A acción voluntaria simboliza a adhesión de todos os traballadores da Cooperativa aos valores que dende sempre promoveu Feiraco, como o fomento da solidariedade en e dende a empresa e cara á sociedade en xeral, e supón o mellor recoñecemento ás súas políticas de Responsabilidade Social.
Estandarte da economía socialmente responsable
A estratexia de Feiraco aséntase en tres piares fundamentais: a Calidade, a Innovación e a Responsabilidade Social Corporativa, como garantes fundamentais da Sostibilidade.

Feiraco é unha compañía socialmente responsable, comprometida cos seus traballadores, cos seus socios, con Galicia e co seu ámbito en todos os sentidos e cos colectivos máis desfavorecidos.

Mostra deste compromiso é a recente solicitude da Consellería de Traballo e Benestar de la Xunta de Galicia para que Feiraco se incorporase ao “Grupo de Representación Empresarial Galego”, para o desenvolvemento de Responsabilidade Social Empresarial (RSE), constituído para impulsar un novo modelo de negocio máis ético, transparente e sensibilizado co ámbito. Feiraco contribúe a este labor xunto a outras 12 grandes empresas autonómicas, encargándose de tutelar ás PEME galegas para axudalas a avanzar neste campo.

Esta elección, de entre todas as grandes empresas galegas, supón un claro recoñecemento institucional a todos os esforzos realizados por Feiraco neste campo, como principio fundacional que inspirou dende sempre a súa traxectoria empresarial como entidade de economía social, operando sempre sobre a base de que toda organización debe devolver ao ámbito, tanto social coma natural, parte do que este lle achega.